Saltar ao contido

Moedas conmemorativas do centenario do primeiro voo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Medio dólar
A/: Monumento aos irmáns Wright en Kill Devil Hills.

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / WRIGHT MONUMENT

R/: O Wright Flyer (1903) durante o seu primeiro voo.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURUBUS UNUM / HALF DOLLAR.

  • Datas: 2003.
  • Cecas e marcas: Filadelfia (P)
  • Tiraxe: 166.832 exemplares.
  • Deseño: John Mercanti (A/) e Noeman E. Nemeth (R/).
  • Gravado: John Mercanti (A/) e Donna Weaver.
  • Aliaxe: núcleo de cobre (Cu 100 %), forro de cuproníquel (Cu 91,67 % e Ni 8,33 %).
  • Diámetro: 30,61 mm.
  • Peso: 11,34 g.
  • Canto: estriado.

As moedas conmemorativas do centenario do primeiro voo son unha serie numismática conmemorativa, non circulante, emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos en 2003 e cuñada polas Cecas de Filadelfia e de West Point.

Esta serie foi autorizada pola Lei 105-193, do 14 de xullo de 1998,[1] pola que se dispuxo a emisión de tres moedas conmemorativas en lembranza do histórico voo de Orville e Wilbur Wright en Kitty Hawlk, Carolina do Norte, no seu centésimo aniversario.[2]

A serie está composta por unha moeda de medio dólar bañada en cuproníquel, un dólar de prata e unha moeda de ouro de dez dólares, que estiveron dispoñibles para a súa adquisición entre o 1 de agosto de 2003 e o 31 de xullo de 2004.[3] A lei que autorizaba a emisión prevía unhas tiraxes máximas de 750.000 exemplares para a moeda de medio dólar, 500.000 para a dun dólar e 100.000 para a moeda de 10 dólares.[2]

Unha parte dos ingresos orixinados pola comercialización desta serie foi destinada á First Flight Foundation, co fin de preparar, renovar e manter o Wright Brothers National Memorial Park, en Kill Devil Hills, Carolina do Norte.[2]

Medio dólar

[editar | editar a fonte]
"O primeiro voo", fotografía de 1903 reproducida no reverso da moeda de medio dólar.

O medio dólar cuñouse na Casa da Moeda de Filadelfia, coa composición dun núcleo de cobre revestido de cuproníquel habitual nas moedas circulantes estadounidenses deste valor facial.[4][5]

No seu anverso, deseñado e gravado por John M. Mercanti, reprodúcese o monumento aos irmáns Wright situado en Kill Devil Hill, preto de Kitty Hawk, en Carolina do Norte, xunto cos lemas LIBERTY e IN GOD WE TRUST, habituais das moedas estadounidenses, a lenda WRIGHT MONUMENT, a data da emisión e a marca de gravador de John Mercanti, conformada polo monograma JM.[4][5]

Pola súa banda, o reverso, deseñado por Norman E. Nemeth e gravado por Donna Weaver, é unha recreación da coñecida fotografía titulada "O primeiro voo", na que se pode ver o Wright Flyer dos irmáns Wright, de 1903, realizando o histórico primeiro voo tripulado, pilotado por Orville Wright, en tanto que Wilbur observa desde o chan. Completan o reverso as lendas UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM HALF DOLLAR, así como a marca de ceca de Filadelfia e as marcas de gravador.[4][5]

Cuñáronse 166.832 exemplares desta moeda, deles 57.122 con acabamento estándar e 109.710 con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate—, o que supón unha das tiraxes máis baixas para unha moeda de medio dólar.[6] O prezo de venda da versión estándar foi de 10,75 dólares e o da versión proof de 13,50 dólares.[3][5]

Un dólar

[editar | editar a fonte]
Un dólar
A/: Retrato dos irmáns Wright.

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / 1903 / 2003 / ORVILLE & WILBUR WRIGHT

R/: O Wright Flyer (1903) sobrevoando unhas dunas.

Lendas: ONE DOLLAR / E PLURIBUS UNUM / UNITED STATES OF AMERICA

  • Datas: 2003.
  • Cecas e marcas: Filadelfia (P).
  • Tiraxe: 243.773 exemplares.
  • Gravado: T. James Ferrell (A/) e Norman E. Nemeth (R/).
  • Aliaxe: prata (900 milésimas).
  • Diámetro: 38,10 mm.
  • Peso: 26,73 g.
  • Canto: estriado.
Orville Wright (1905).

A moeda dun dólar cuñouse tamén na Casa da Moeda de Filadelfia, nunha aliaxe dcomposta polo 90 % de prata e o 10 % de cobre, habitual nas moedas conmemorativas dos Estados Unidos con este valor facial.[7][8]

No seu anverso, deseñado e gravado polo gravador da US Mint Thomas James Ferrel, reprodúcense os bustos acaroados dos irmáns Orville e Wilbur Bright ollando cara á esquerda, baseados no deseño clásico de George T. Morgan utilizado por primeira vez na medalla do Congreso concedida a Orville e Wilbur Wright o 4 de marzo de 1909.[3][9] Inclúense ademais os lemas LIBERTY e IN GOD WE TRUST, a lenda ORVILLE & WILBUR WRIGHT e a dobre data que alude ao centenario conmemorado e á data de emisión: 1903 - 2003. No ombreiro de Wilbur Wright apréciase tamén a marca de gravador de James Ferell (TJF).[7][8]

Pola súa banda, o reverso, deseñado e gravado por Norman E. Nemeth, é unha imaxe do avión Wright Flyer en voo sobre as dunas de Kill Devil Hill. Completan o reverso as lendas ONE DOLLAR / E PLURUBUS UNUM / UNITED STATES OF AMERICA, así como a marca de ceca correspondente á Casa da Moeda de Filadelfia (P) e a marca de gravador de Norman Nemeth (NEN).[7][8]

Cuñáronse 243.773 exemplares desta moeda, deles 53.533 con acabamento estándar e 190.240 con acabamento especial proof, o que supón unha das tiraxes máis baixas para unha moeda de medio dólar.[10] O prezo de venda da versión estándar foi de 33 dólares e o da versión proof de 37 dólares.[3][8]

10 dólares

[editar | editar a fonte]
Dez dólares
A/: Retrato dos irmáns Wright.

Lendas: LIBERTY / IN GOD WE TRUST / 1903 / 2003 / ORVILLE & WILBUR WRIGHT / FIRST FLIGHT CENTENNIAL

R/: O Wright Flyer (1903) sobrevoado por unha aguia.

Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / E PLURIBUS UNUM / TEN DOLLARS

  • Datas: 2003.
  • Cecas e marcas: West Poin (W).
  • Tiraxe: 31.685 exemplares.
  • Deseño e gravado: Donna Weaver.
  • Aliaxe: ouro (900 milésimas).
  • Diámetro: 27,00 mm.
  • Peso: 16,71 g.
  • Canto: estriado.
Wilbur Wright

De xeito diferente ás outras dúas moedas desta serie, a moeda de dez dólares foi producida na Casa da Moeda de West Point, en ouro de 900 milésimas.[11][12]

No seu anverso, deseñado e gravado por Donna Weaver, reprodúcense os bustos de fronte de Orville e Wilbur Bright, xunto cos lemas LIBERTY e IN GOD WE TRUST, as datas da conmemoración 1903 / 2003 e as lendas alusivas a ela, ORVILLE & WILBUR WRIGHT e FIRST FLIGHT CENTENNIAL. No ombreiro de Wilbur Wright apréciase tamén a marca de gravadora de Donna Weaver (DW).[11][12]

No relativo ao reverso, deseñado e gravado por Norman E. Nemeth, nel reprodúcese como motivo principal o avión Wright Flyer dos irmáns Wright en voo e cunha aguia sobrevoándoo. Completan o reverso o nome do país, o lema E PLURUBUS UNUM e a alusión ao valor facial da moeda, así como a marca de ceca correspondente á Casa da Moeda de West Point (W) e a marca de gravadora de Donna Weaver (DW).[11][12]

Cuñáronse 31.685 exemplares desta moeda, deles 10.009 con acabamento estándar e 21.676 con acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate—.[10][12] O prezo de venda da versión estándar foi de 365 dólares e o da versión proof de 375 dólares.[3]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]